O goberno do PP á caza dos comunistas

O día 9 de Novembro, foron detidos en Francia cinco membros do Comité Central do noso Partido entre os que se atopa o noso Secretario Xeral, Manuel Pérez Martínez (Arenas); na mesma operación, dirixida polos torturadores da garda civil, se arrestou a dous militantes dos GRAPO. Centos de policías a un e outro lado da fronteira foron necesarios para poder encarcerar a este puñado de destacados comunistas; algúns deles levaban máis de 15 anos burlando a represión dende a clandestinidade e o exilio, a única maneira de poder proseguir co seu labor de dirección do Partido e do Movemento de Resistencia a resgardo das presións policiacas do réxime fascista.

Aínda é cedo para achegar a unha conclusión definitiva no tocante as vías que permitiron aos cans de presa do capital chegar ata estes camaradas; todo parece apuntar que foron os últimos movementos dalgúns membros da Comisión de Organización do Comité Central, na idea de dar un novo pulo ao traballo no interior do noso país, os que proporcionaron ás policías española e francesa a "pista" que os conduciu a detelos. De tódolos xeitos e para evitar calquera tipo de especulación, o que si queremos destacar é que a causa derradeira de seren perseguidos con tal despregamento de forza, e finalmente detidos, non foi máis que o feito do PCE (r) terse convertido pouco a pouco nun inimigo político moi serio para o réxime. Nos últimos anos, o Partido acadara importantes progresos no seu labor de educación, organización e dirección entre as masas, estreitando os seus lazos co máis avanzado da clase obreira e da mocidade traballadora e combativa. Converténdose, deste xeito, nun referente para todo o Movemento de Resistencia Antifascista. Neste senso, podemos dicir que os camaradas viñan realizando, e ben, as tarefas que o Partido lles tiña encomendado, ata o punto de arriscaren a súa propia seguridade en beneficio da súa actividade política e da causa do socialismo.

Pola contra, o réxime dos monopolios, sumido nunha crise e illamento crónicos e coa súa "ala esquerda" fundida na podremia e o descrédito, embarcouse nunha escalada represiva sen precedentes dende os tempos de Franco nun esforzo desesperado por deter os avances do movemento obreiro e popular e as súas organizacións de vangarda. En consecuencia, temos que considerar esta nova arremetida dos fascistas contra o noso Partido como un ataque directo á cabeza dese movemento, para, de tal xeito, levar o desconcerto e a desmoralización ás súas filas e, polo menos, intentar controlalo.

Non é a primeira vez que sufrimos golpes deste calibre e permanentemente nos vimos preparando para que, de producirse outro, como aconteceu agora, os seus efectos, aínda que sempre sensibles, repercutan o menos posible na marcha do Movemento e do propio Partido. Nesta liña de actuación, están previstos plans de substitución dos camaradas detidos e de incorporación de novos militantes a postos de dirección, plans que xa se están aplicando, ao mesmo tempo que se estableceron as necesarias medidas de seguridade e de estanquidade para impedir que se produzan de inmediata novas caídas. Tamén existen plans xerais de traballo que deben seguir realizándose, adaptándoos á nova realidade de guerra contra o Partido e o Movemento de Resistencia que declarou o Goberno do PP. Por último, existe toda unha experiencia política acumulada sintetizada na nosa Liña Política e o Programa que son os que, en última instancia, nos van seguir guiando na nosa andadura de comunistas e revolucionarios. Porque, e iso debe quedar ben claro dende o principio, ningunha detención, ningún asasinato, ningunha presión ou chantaxe do réxime nos vai desviar do rumbo trazado no IV Congreso do Partido e, en xeral, da liña de resistencia que vimos practicando dende hai máis de 25 anos.

Non queremos deixar de sinalar a responsabilidade que o Estado francés e o seu goberno "de esquerdas" se botaron derriba ao encarcerar a persoas por defender consecuentemente as súas ideas de liberdade e socialismo, facéndose cómplices directos da persecución dunha organización política comunista. Tomamos boa nota diso e esperamos que a tódolos verdadeiros demócratas lles sirva o exemplo deste novo atropelo ás liberdades máis elementais para comprobar unha vez máis a verdadeira catadura fascista dos réximes "democráticos" europeos, denunciándoos como tales e esixindo que cesen inmediatamente as persecucións e encarceramentos de comunistas, patriotas e revolucionarios.

Apelamos, unha vez máis, ás masas populares, en especial á clase obreira, para que non consinta esta nova canallada dos torturadores do réxime contra os comunistas e antifascistas. Non podemos deixar aos aznaristas seguir impunemente polo camiño do terror aberto: van a ir, xa están indo, a por todos e ¡hai que paralos! É preciso, pois, que unamos as nosas forzas para proseguir e incrementar a actual loita de resistencia contra os plans terroristas e explotadores do réxime; ao tempo, os obreiros e mozos máis conscientes e combativos deben seguir prestando todo tipo de apoio ao Partido e ás organizacións armadas revolucionarias, á vez que redobran os seus esforzos en pro da liberdade dos nosos militantes e a de tódolos presos políticos.

¡POR CADA COMUNISTA NO CÁRCERE, 100 PERSOAS ORGANIZADAS NA RÚA!

¡PAREMOS ENTRE TODOS O TERROR FASCISTA!

Comité Central do Partido Comunista de España (reconstituído)
15 de Novembro de 2000