Polo dereito á autodeterminación das nacionalidades asoballadas!

Comité Xeral no interior do
Partido Comunista de España (reconstituído)
Abril 2005

O Estado das Autonomías está escangallado. Os vencellos políticos que ligaron ás burguesías nacionais co fascismo reformado trala morte de Franco, racharon baixo o lume combinado da crise económica, a crise política e mailo illamento do réxime e a permanente resistencia dos pobos de Catalunya, Euskal Herria e Galiza a deixar que lles rapizaran os seus lexítimos dereitos nacionais. Este é o trazo máis sobranceiro das circunstancias que envolven as vindeiras eleccións ao parlamento autonómico vasco e o que nos permite entender, máis alá do baile de plans e contrapláns dos políticos, que a dita convocatoria se produza baixo a ameaza de intervención dos tanques para salvagardar a unidade da patria e no momento dunha ofensiva policial, xudicial e mediática xeneralizada contra as persoas e organizacións que compoñen o Movemento de Liberación Nacional Vasco (MLNV), que ficou excluído das eleccións.

Do mesmo xeito que acontece coa explotación, a guerra e outros moitos problemas e contradiccións xerados polo sistema capitalista, a que enfronta aos pobos das nacionalidades co Estado fascista e imperialista español é unha contradicción de fondas raíces históricas e que se viu agravada pola existencia nos derradeiros decenios dun réxime político de represión constante e violenta de tódolos dereitos e liberdades. Esta é unha contradicción que só poderá ser resolta cando os pobos das nacións asoballadas poidan exercer libremente o dereito á súa autodeterminación; isto é, recoñecendo que Euskal Herria, Catalunya e Galiza teñen dereito a afastarse do Estado español para formar un Estado á parte se así o deciden os seus pobos, e creando as condicións políticas que permitan exercelo con liberdade.

Certamente que un réxime fascista coma o español, que se impuxo a sangue e lume para manter os privilexios dunha presada de financeiros, empresarios e latifundistas, e que nos derradeiros anos foi eliminando os escasos dereitos que se viu obrigado a recoñecer trala morte de Franco, non pode consentir o arredamento dunha parte do que considera o seu territorio histórico. E menos aínda a oligarquía española vai consentir que o esnaquicen e a enfeblezan nuns tempos coma os actuais, nos que precisa tódolos seus recursos humanos e económicos para soster as súas aventuras militares imperialistas e para estar nas mellores condicións para enfrontarse á competencia feroz dos demais voitres imperialistas, que o ollan coma un cobizado bocado para repartir.

Non hai que estrañarse, xa que logo, de que o réxime monopolista teña declarada a guerra a morte a todo aquel que se opoña ou amole os seus plans centralistas, militaristas e imperialistas, e de que se vexa obrigado a empregar unha e outra vez o recurso da forza do seu Estado para ter asoballados aos traballadores e aos pobos das nacións que oprime. Só no marco deste sistema de represión permanente e de enfrontamento cotián do Estado coa resistencia popular podemos entender que en Euskal Herria siga a existir a organización armada vasca ETA e que esa nacionalidade viva hoxe baixo un estado de excepción, coa ocupación abafante de diferentes forzas policiais e militares, centos de presos políticos, xornais pechados, partidos e organizacións abertzales prohibidos, etc..; unha situación, polo demais, que nalgún dos seus aspectos xa se vive no resto de España e que tende a aumentar e a xeneralizarse na medida que aumente a resistencia organizada.

Esta é unha estratexia que nin cambiou antes co PP nin vai cambiar agora co PSOE, porque o Estado español non pode perder o cerne fascista que o viu nacer. O ano que leva no poder o goberno Zapatero así o demostra: reconversións nos estaleiros, pacto social para impor o despedimento libre, protagonismo crecente do exército na represión, mantemento de centos de presos políticos comunistas e nacionalistas, anulación de liberdades fundamentais coma as de expresión e asociación, pactos internacionais para a guerra, envío de tropas para a agresión e o saqueo doutros pobos, etc. En canto ás crecentes demandas dos pobos das nacionalidades, á marxe dalgunhas concesións de detalle (enfeites para o senado, algo máis de diñeiro, máis policías autonómicos, etc.), o que define a política de Estado dos neoGALosos é o pacto selado entre a Coroa, o exército, o PSOE e o PP para blindar a unidade da patria española, as repetidas alusións de Bono e do mesmo monarca ao papel do exército coma garante da dita unidade e a constante persecución á que someten o MLNV. Nestas condicións, resulta ridículo ver a Zapatero repartir promesas a mancheas, tratando de xogar novamente a carta dun ilusorio cambio, coma un arremedo daquela máxima da transición: facer algo para que todo siga igual.

Fronte desta estratexia belicista e terrorista do Estado español, o proletariado revolucionario e as forzas políticas verdadeiramente democráticas non podemos andar con medias tintas, a non ser que queiramos converternos en cómplices do xogo criminal que fan Zapatero e os seus acólitos, entre os que se atopan algúns que se chaman nacionalistas. Estes son uns momentos nos que hai que mostrarse máis firmes ca nunca en esixir clara e contundentemente eses dereitos democráticos que nos veñen sendo negados dende hai decenios e en persistir na loita de resistencia para impolos.

Xa que logo, as forzas nacionalistas deben deixar de xogar co dereito á autodeterminación, un dereito que non lles pertence a eles, senón aos seus pobos respectivos. Calquera nacionalista que nas actuais circunstancias non expoña claramente o exercicio dese dereito e loite en consecuencia por impoñelo, calquera político nacionalista que anubre esa xusta reivindicación baixo pasos intermedios, consultas aproximativas, reformas estatutarias e demais leria, e que esconda o feito de que aqueles que de verdade están polo conquerimento deses dereitos nacionais son abourados, detidos, torturados e encarcerados, non fai máis ca seguirlle o xogo aos representantes do réxime fascista, darlle aire ás súas mentiras e, para remate, desenmascararse coma sipaios que ao único que aspiran é a aumentar a súa cota de reparto do pastel da explotación e saqueo dos seus pobo e os alleos.

Para o proletariado, a loita contra o asoballamento nacional forma parte da loita xeral polas liberdades democráticas e polo socialismo, xa que, como levamos visto, o fascismo e o imperialismo en España afunden as súas raíces na supresión de toda liberdade e no sometemento dos pobos. É por isto polo que os comunistas en todo o Estado, mais sobre de todo en cada unha das nacionalidades asoballadas, debemos coller con forza nas nosas mans a bandeira dos dereitos nacionais, en especial o da autodeterminación. Ademais, tendo en conta os intereses futuros e históricos do propio proletariado, isto é, a revolución socialista, debemos avaliar se beneficia ao proceso revolucionario no noso país que nas circunstancias actuais se lograse que unha ou máis nacionalidades escollan o arredamento. Nós pensamos que si, que fai máis feble ao inimigo principal da causa do socialismo, o Estado fascista e imperialista, facendo máis doado, deste xeito, o seu derrubamento. Por iso, tal como se di no noso Programa, O Partido, en consecuencia coa súa defensa do dereito á autodeterminación e coa fin de facer máis feble ao Estado fascista, non dubidará en prestarlle apoio a estes pobos no caso de que decidan arredarse do Estado e proclamar a súa independencia.

Facemos, xa que logo, un chamamento á clase obreira para que loite unida no conxunto do Estado para conquerir as liberdades e dereitos que nos veñen sendo negados sistematicamente por unha presada de monopolistas e imperialistas, empezando por esixir a liberdade de tódolos presos políticos, e seguindo pola imposición dunha verdadeira liberdade de expresión e de asociación, polo remate das agresións militares a outros pobos, polo exercicio libre do dereito á autodeterminación por parte dos pobos asoballados, etc. Todo isto, dende o convencemento de que estes dereitos democráticos tripados polo réxime fascista español só poderán ser conqueridos crebándolle o espiñazo político, represivo e militar ao Estado español; isto é, que hai que seguir a oporlle a máis rexa resistencia por tódolos medios, incluíndo o recurso á loita armada revolucionaria.

ABAIXO O ESTADO FASCISTA E IMPERIALISTA!
POLO CONQUERIMENTO DOS DEREITOS DEMOCRÁTICOS,
RESISTENCIA ACTIVA AO FASCISMO!

Partido Comunista de España (reconstituido)