ESTATUTOS

1. PROGRAMA XERAL

O Partido Comunista de España (reconstituído) é un partido político proletario, núcleo dirixente e destacamento de vangarda da clase obreira. A nosa organización tense por herdeira e continuadora da obra comenzada polo Partido Comunista de España que encabezara Xosé Díaz, hoxe dexenerado, convertido polo revisionismo nun aparello da opresión e da explotación capitalistas. O Partido Comunista de España (reconstituído) forma parte do movemento comunista internacional e guíase polos principios do marxismo-leninismo na elaboración da súa liña política e na súa praxe revolucionaria.

O PCE(r) fixouse como obxectivo acadar a meta do comunismo, isto é, a supresión da propiedade privada capitalista e as clases, co que se crearán as condicións precisas para a extinción do Estado. A tal fin o Partido proponse encabezar e organizar á clase obreira na loita máis afouta contra o sistema capitalista, deica acadar a demolición completa do seu aparello burocrático-militar e a implantación da dictadura do proletariado sobre a burguesía.

Arestora o Partido centra os seus principais folgos na educación e organización política da clase obreira, propugna a unidade de acción con outras organizacións obreiras e populares na loita de resistencia contra o fascismo e o imperialismo; loita encamiñada a acumular forzas revolucionarias e crear as demais condicións para o desenvolvemento da Guerra Popular Prolongada e o triunfo da insurrección armada xeral.

O Partido expón e defende os dereitos políticos, económicos e sociais inmediatos dos traballadores e aplica unha liña de masas, de xeito que isto lle permita manterse ligado a elas e recoller e sintetizar as súas experiencias de loita. Mais, como xefe político da clase obreira, o Partido non vai á traseira do movemento espontáneo, senón que se esforza por elevar aos obreiros ata a comprensión dos seus verdadeiros intereses de clase, lle fixa os obxectivos a conquistar e os dirixe na loita.

O Partido debe inculcar a disciplina consciente ás masas de obreiros sen partido, espallar os métodos de loita revolucionarios, a solidariedade de clase, o espírito de organización e a firmeza combativa; póren, o Partido terá que ser a personificación da disciplina, da organización e da abnegación revolucionaria.

2. O PRINCIPIO DE ORGANIZACIÓN E DE FUNCIONAMENTO DO PARTIDO

a) Para levar a cabo con seguridade e eficacia o labor revolucionario entre as masas e garantir a súa continuidade, o Partido precisa manter o seu aparello político na clandestinidade. Asemade lle é indispensable estabelecer a especialización e a división do traballo no seu seo así como a centralización e a democracia.

A unidade do centralismo e a democracia, da disciplina e a liberdade na práctica revolucionaria, constitúe o centralismo democrático. No seo do Partido ten que haber tanto centralismo coma democracia, tanto disciplina coma liberdade. A combinación do centralismo e a democracia garante a liberdade de discusión e de crítica e fai posible a unidade de acción.

b) Dadas as condicións de clandestinidade na que nos vemos na obriga de desenvolver na actualidade a actividade política, a elexibilidade, por forza, terá que ser limitada no seo do Partido. Esta limitación non supón unha restricción á liberdade de discusión e de crítica nin aos demais dereitos dos militantes e ten por obxecto impedir ou dificultar a acción policial e reforzar a disciplina interna da organización.

c) Asumida libremente, a disciplina do Partido é única e igual para todos os seus membros: o militante subordínase á organización, a minoría á maioría, o organismo inferior ao superior, todo o Partido ao Comité Central e este ao Congreso do Partido.

ch) A subordinación da minoría á maioría implica que, se a opinión da minoría foi rexeitada, esta debe apoiar a decisión aprobada pola maioría. Pola súa banda, a minoría ten dereito a defender a súa opinión dentro do Partido e incluso a voltar a presentala nas reunións seguintes ou cando o considere oportuno, pero de ningún xeito debe absterse de aplicar as decisións adoptadas pola maioría e menos aínda actuar na súa contra.

d) A liberdade de discusión, a crítica e a autocrítica, son os métodos fundamentais de traballo do Partido e os que permiten solventar as contradiccións de seu. Ninguén, ningún militante nin organismo, incluíndo o Comité Central do Partido, está vacinado contra o risco de cometer erros ou de trabucarse. Por mor disto estarán sempre atentos a todas as críticas ou suxerencias que se lles poidan facer.

3. MEMBROS DO PARTIDO

a) Pode ser membro do Partido todo obreiro ou obreira ou calquera outro revolucionario que acepte o Programa, a Liña política e os seus Estatutos, se incorpore a unha das súas organizacións, traballe activamente nela, aplique as directrices do Comité Central e pague a cota.

b) Antes de ingresar no Partido, o candidato terá que pasar por un período de proba. Durante este período deberá ser examinado nas súas actividades e reputación entre as masas e ser proposto por duos membros do Partido. A súa admisión ten que ser aprobada pola reunión plenaria da célula e ratificada polo organismo inmediatamente superior.

c) Todo militante do Partido ten dereito a participar e facer aportes á elaboración do Programa, da Liña política e os Estatutos do Partido, a escoller e ser escollido para todos os cargos ou responsabilidades, desde a célula deica o Comité Central; a expor as súas opinións e críticas e facelas chegar, se o cre preciso, ata a Dirección.

ch) É deber de todo militante estudiar o Programa e a Liña política do Partido e teimar en aplicalos con afouteza e iniciativa. Asemade debe procurar aumentar decote os seus coñecementos e, de xeito particular, as ensinanzas do marxismo-leninismo. Debe utilizar valentemente a crítica e a autocrítica.

d) O militante debe gardar rigorosamente os segredos do Partido, defender aos seus dirixentes fronte aos embustes e aos ataques dos inimigos de clase e observar, no caso de ser detido, un comportamento exemplar perante os represores. Xamais, en circunstancia ningunha, facilitará datos que poidan comprometer a seguridade do Partido nin á causa obreira e popular.

e) O militante do Partido haberá de levar un modo de vida sinxelo, relacionarse e traballar coas masas, preocuparse dos seus problemas e servilas de todo corazón; ademais, debe adoptar diante delas a actitude de alumno antes que a de mestre e pór, en todo intre, os intereses da clase obreira por riba de calquera outro interés persoal ou de grupo.

f) Ao militante que quebrante a disciplina do Partido imporáselle, segundo os casos, unha das seguintes sancións: advertencia, destitución dos cargos que ocupe no Partido (cun período de observación), ou expulsión do Partido. A expulsión debe ser ratificada polo organismo inmediatamente superior.

g) Se un membro do partido non cumpre coas súas obrigas, non progresa ou pide retirarse, hai que arredalo da organización, debéndose discutir o problema na célula ou no organismo onde estea encadrado, ao obxecto de decidir o tratamento a levar con el. Hai casos nos que as separacións e expulsións resulta convinte dalas a coñecer ás masas, explicando as circunstancias.

h) A traizón será castigada.

4. ORGANISMOS DE BASE

A célula e os comités de fábrica, barrio, mina, comarca, centro de ensino, etc., son os organismos de base do Partido. Estes nos permíten estar en contacto permanente cos obreiros, mozos e demais sectores populares, coñecer as súas necesidades e o seu estado de ánimo e levar a cabo entre eles o labor partidista.

a) Nos lugares e centros de traballo onde haxa canto menos tres militantes procederase a formar unha célula, en tanto que un comité se constituirá naquelas concentracións de fábricas, empresas, barrios, etc., onde existan varias células ou as características do traballo político así o requeriran.

b) O funcionamento das células e comités está baseado nas xuntas periódicas e regulares dos seus membros. A reunión de célula ou comité ten potestade para escoller ao seu responsable, elaborar planos concretos de traballo e estabelecer a división de funcións no seu seo, de xeito que os acordos e decisións obriguen a todos e se poida verificar o seu comprimento.

c) A tarefa principal das células e os comités de base do Partido consiste en elevar a formación política e ideolóxica dos seus membros, estudiar a situación dos obreiros, organizar e encabezar as súas loitas, distribuír propaganda do Partido entre eles, realizar axitación, organizar círculos, facer recolleitas, captar novos militantes e, en xeral, aplicar as consignas e as directrices do Comité Central.

Ao se dirixiren ás masas para emprender o traballo político, os militantes de base, ao igual que todos os demais membros do Partido, non deben esquecer que os comunistas somos como a semente e o pobo como a terra. Onde queira que vaiamos, debemos unirnos ao pobo, botar raíces e medrar con el (1).

5. ORGANISMOS INTERMEDIOS

Os comités das nacionalidades, comités rexionais e comités locais son os organismos intermedios do Partido.

a) Os organismos intermedios constitúense seguindo un criterio territorial, non sectorial nin gremial, e incorporando no seu seo aos militantes máis activos, mellor preparados e máis vencellados ás masas en cada localidade. Esta condición permítelles facer planos e dirixir o conxunto das organizacións ao seu cargo desde unha sólida posición política e unha visión xeral.

b) Os comités intermedios constitúense por iniciativa das organizacións de base do Partido e de acordo coas recomendacións do Comité Central. Á fronte destes organismos sitúase un responsable político e estabelécese a divisón do traballo, de xeito que poidan levar a cabo todas as actividades e fiquen ben delimitadas as tarefas e responsabilidades de cada un dos seus membros.

c) Estes órganos, únicos e verdadeiros representantes do Partido en cada nacionalidade, rexión e localidade, teñen encomendada a análise da situación nas súas respectivas zonas e a aplicación da liña xeral do Partido así como das resolucións e directivas emanadas do Comité Central. A tal fin deben despregar un enérxico traballo entre as organizacións e militantes ao seu cargo e as masas dotándose dos medios precisos para iso.

ch) Os organismos intermedios deben contribuír ademais ao continuo fortalecemento do Comité Central e facilitar súa tarefa obtíndo medios económicos, enviando informes, poñendo aos militantes á súa disposición, etc.

d) Os organismos das nacionalidades están directamente representantes no Comité Central do Partido por militantes designados por elas de acordo coa Dirección e dispoñen dunha ampla autonomía para organizar Conferencias nacionais previas ao Congreso do Partido, así como para aplicar o Programa, a Liña política e as directrices do Comité Central ás súas respectivas condicións. O mesmo que os militantes escollidos no Congreso, aqueles designados polas organizacións das nacionalidades para formar parte do Comité Central participan nas tarefas e na dirección do conxunto do Partido coas mesmas obrigas e dereitos cós demais membros do Comité Central, non cinxindo as súas responsabilidades aos asuntos das súas zonas.

6. ÓRGANOS CENTRAIS

Os órganos centrais do Partido son o Congreso e o Comité Central.

a) A instancia suprema do Partido é o seu Congreso. Nel aprobase o Programa e os Estatutos, decidese a Liña política a seguir e por voto directo e segredo escollese ao Secretario Xeral e ao Comité Central.

b) Os acordos e decisións adoptados polo Congreso son de obrigado cumprimento para todos os membros do Partido e só poden ser revocados por outro Congreso.

c) O Congreso do Partido celebrarase cada catro anos; a súa convocatoria pódese adiantar ou postergar por decisión da Dirección ou ben a petición da maioría dos membros do Partido. Entre Congresos a Dirección do Partido correspóndelle ao Comité Central.

ch) O Comité Central é un órgano de dirección colectiva. Os militantes escollidos no Congreso para formar parte do Comité Central amplían este organismo ata o número preciso de membros por medio da cooptación. O pleno do Comité Central, así constituído, determina a composición das comisións nas que se divide a Dirección, especializadas cada unha delas, nun eido específico da actividade.

d) Á fronte de cada unha das comisións áchase un secretario responsable da mesma. A reunión dos secretarios das distintas comisións forman a comisión política do Comité Central, encabezada, así mesmo, polo Secretario Xeral do Partido.

e) A secretaría xeral é unha esixencia imposta pola necesidade de coordenación das distintas comisións que compoñen o Comité Central, así como pola adopción das decisións urxentes que en todo intre se lle presentan ao Partido. Só un novo Congreso pode reemprazar ou destituír ao Secretario Xeral.

f) Dotado de amplos poderes, o Comité Central ten a responsabilidade de executar as decisións adoptadas no Congreso e solventar todas as cuestións presentadas ao Partido, correspondéndolle ademais a designación da redacción do órgano central de prensa.

O Comité Central estudia os informes, dispón dos medios económicos, distribúe as forzas dispoñibles, atende á formación dos cadros, etc. O Comité Central debe reunirse en sesión plenaria e render contas do seu labor a través de informes de xeito periódico.

g) O Comité Central intervén na composición dos organismos intermedios e supervisa o seu traballo. Membros do Comité Central poden ser delegados permanentes nas organizacións locais, rexionais e nacionais e están autorizados a participar nas súas deliberacións con dereito a veto.

h) Os integrantes da Dirección, ao igual que todos os demais membros do Partido, teñen o deber de asumir plenamente as súas responsabilidades, de tomar todas aquelas decisións que lles permitan abordar as tarefas ao seu cargo e superar todos os atrancos e dificultades. Teñen igualmente o deber de informar polo miúdo das súas tarefas e de expresar as súas impresións e ideas aos demais membros da Dirección a través de informes, cartas, etc. Non hai que esquecer que depende en gran parte do grao de democracia e de vida orgánica que exista no Partido, o que se poidan tomar iniciativas e formar núcleos capaces e competentes en todas as áreas do traballo.

i) O Comité Central é igualmente responsable de convocar e artellar o Congreso do Partido.

Previamente á celebración do Congreso, a Dirección elaborará os informes a debatir, ordena as ponencias e estabelece a orde das sesións. Logo de lido o Informe do Comité Central e constituída a mesa do Congreso, os membros da Dirección están obrigados a dimitir e a cesar nas súas funcións e atribucións.

AFORTALAR E DESENVOLVER O PARTIDO

Necesidade da organización e o traballo clandestino.

1) A burguesía basea o seu poder na violencia do Estado. O Estado capitalista, como sinalara F. Engels, non é outra cousa máis que, unha banda de homes armados, na que o exército, a policía, a xudicatura, a prensa, etc., se reparten o traballo para manter sometidas ás masas traballadoras. Loxicamente, á burguesía monopolista interésalle encaretar a súa dictadura coas formas políticas de dominación máis levadeiras, pero a crise económica e social e o conseguinte desenvolvemento da loita de clases botan unha e outra vez por terra eses planos. De aí que, segundo as condicións, se véxan na obriga de recorrer ás veces á dictadura aberta, terrorista, e outras tenten agachala mediante a combinación do terrorismo de Estado cunha falsificación do parlamentarismo. En calquera circunstancia a gran burguesía persegue, de xeito particular, á organización revolucionaria da clase obreira e trata de aniquilala sen reparar en ningún medio para conquerilo: desde a compra dalgúns lideres corrompidos ata o asasinato político, todo é válido para ela con tal de preservar os seus privilexios. Outro medio ao que ven recorrendo é á desinformación e aos embustes. Deste xeito perseguen agachar os obxectivos democrático-revolucionarios que orientan a nosa loita e restar influencia á Organización, ao obxecto de illala das masas e facer máis doada a represión.

Sabemos co seguranza que a contradicción que enfronta ao proletariado e á burguesía non pode solventarse máis que pola guerra civil. A historia tamén nos ensina que as clases decadentes queiman ata o derradeiro cartucho antes de desaparecer. Póren, a loita será longa e porfiada. A burguesía monopolista redobrará a súa brutalidade para conservar o poder e percurar destruír á forza política que se lle opón directa e radicalmente. Polo mesmo, o Partido debe asumir conscientemente os pesados sacrificios que nos impón a loita e non desviarse xamais dos seus obxectivos revolucionarios.

2) Avogamos, xa que logo, polo traballo clandestino e pola adopción de diversas normas que aseguren a súa continuidade. As medidas de seguridade e as perdas que nos causa o inimigo non poderán impedir a prosecución do labor revolucionario. Preservamos as nosas forzas, precisamente, co fin de incrementar a eficacia do traballo político, para estar onde as masas máis nos necesitan. En canto ás caídas e detencións, nós non podemos evitar, en todos os casos, que se produzan. Non hai loita sen víctimas, escribiu Lenin, e á ferocidade da policía política nós con acougo respostaremos: caeron algúns revolucionarios, ¡viva a revolución!. Esta será a nosa posición.

Debemos rexeitar toda expresión de debilidade ideolóxica fronte á represión do Estado. Subestimar os riscos que corre a Organización e cada un dos seus membros na actividade revolucionaria leva ao aventurerismo, abofé; mais sobreestimar ditos perigos pode levar ao emporcallado terreo do revisionismo e a capitulación.

As forzas represivas poden obstaculizar o labor do Partido, poden frear a revolución, adiala, pero non son quen de impedila. A nosa misión consiste en apurar a victoria, organizándoa, polo que cómpre, entre outras cousas, saber eludir as pescudas policiais; isto presupón a clandestinidade do Partido e o seu cotián afortalamento. Para iso debemos reforzar tamén os vínculos coas masas. Un partido clandestino non é un partido desligado das masas; no canto diso, o labor clandestino do Partido repousa sobre a súa estreita relación coa clase obreira e outros sectores explotados e asoballados da poboación.

Nas actuais condicións, nas que as formas legais de loita deixaron de ser determinantes para o desenvolvemento do movemento revolucionario, segue sendo válido o principio leninista de aproveitar a legalidade e a semilegalidade para favorecer o afortalamento do aparello clandestino do Partido e pular cara adiante o movemento de resistencia popular.

3) A organización clandestina e o labor comunista esixen a centralización máis rigorosa da Dirección e unha rexa división e especialización do traballo. A división e a especialización son o complemento preciso da centralización. A liquidación dos métodos artesáns de traballo na organización revolucionaria supoñen, xustamente, a creación dunha organización fortemente centralizada no que atinxe á dirección do movemento e composta dos máis diversos tipos de organizacións partidistas arredadas entre si e especializadas na realización de múltiples tarefas.

A separación entre os militantes das distintas organizacións e instancias do Partido estabelece a atallada precisa fronte o labor de investigación policial. A represión fica aló onde as conexións rematan. Porén, a estanqueidade permítenos abeirar ao conxunto do Partido cando unha parte do mesmo está infesta. De todo isto se dedúce que a separación non pode ser absoluta, xa que de ser así nos impediría levar a cabo a máis mínima actividade. O noso funcionamento e o centralismo partidista permiten ao Comité Central estabelecer, como se de vasos comunicantes for, os límites das relacións.

Ademais da estanqueidade, é preciso estabelecer unha separación orgánica entre a organización clandestina e as organizacións máis abertas e vencelladas ás masas. Non resulta doado estabelecer en todos os casos un deslindamento claro e tallante entre ámbolos duos tipos de organización e de traballo, mais hai que o facer se queremos evitar máis dun contratempo e as confusións que por mor diso se xeran. A tal fin temos que guíarnos polo criterio de supeditación da organización e o traballo legal ás necesidades da organización e da loita clandestina, pois soamente deste xeito, e se a organización clandestina realiza un bo labor de dirección, é como poderán solventarse os problemas e as situacións difíciles que se poidan presentar.

Temos que ter en conta que canto máis rigoroso sexa o Partido na aplicación dos métodos de traballo clandestino, máis garantías atoparán os militantes adicados ao traballo práctico no seu labor, máis ampla, aberta e polifacética poderá ser esta, e tanto máis dificil resultaralle á policía política penetrar e destruír a organización.

Promover aos camaradas obreiros

1) A formación dun núcleo dirixente, relativamente estable e ben cohesionado no plano político e ideolóxico, constitúe unha das principais eivas ás que o Partido lle ten que facer fronte de seguido. Este problema só se pode solventar no curso da loita. Ademais, as caídas e detencións obrigan a renovalo a cotío, polo que se fai necesario manter unha política de promoción dos activistas e outros militantes cualificados do Partido. Lenin escribiu: Nin unha soa clase acadou o poder na historia sen promover aos seus xefes políticos, aos seus representantes avanzados, capaces de organizar o movemento e de dirixilo (2).

Neste eido, o noso interese estará centrado en promover o maior número posible de dirixentes obreiros e obreiras. O Partido terá que ter varios dirixentes probados, homes e mulleres dotados dun gran espírito revolucionario, entregados enteiramente á causa, que saiban facer ben o seu traballo e teñan a suficiente autoridade moral como para non ter que apelar a ella en cada intre.

2) O Partido como núcleo dirixente e destacamento de vangarda da clase obreira, debe incorporar ás súas filas aos elementos máis conscientes, mellores e máis combativos da súa clase. Eles son os que se atopan máis ligados ás masas, os que posúen a comprensión máis fonda dos verdadeiros intereses de clase e aportan as súas experiencias de loita e espírito combativo. O Partido deberá estar composto, na súa meirande parte, por estes loitadores. Por outra banda, a necesidade de formación política e a desigualdade de condicións na que, para acceder a ela, se atopan os máis dos obreiros respecto a outros militantes (o que lles impide, por exemplo, adicar máis tempo ao estudio), levaranos a darlles preferencia para que se preparen e ocupen postos de responsabilidade. É evidente que isto non supón privilexio ningún.

Polo xeral, os obreiros posúen un bo sentido práctico e outras boas cualidades, como o hábito da disciplina no traballo. Malia que tamén hai que dicir que arrastran algúns prexuízos que tanto a súa posición social como a ideoloxía burguesa dominante lles foi inculcando. Isto maniféstase, principalmente, na tendencia a deixar en mans doutros certas tarefas de tipo intelectual que eles tamén poderían facer con un pouco de esforzo. Non se pretende que todo o mundo saiba facer de todo, como predican os que renden culto aos métodos artesanais de traballo. Trátase de evitar no Partido unha división do traballo que reproduza a que xa existe na sociedade, que condena aos obreiros a realizar os traballos manuais ou de orde práctica, manténdoos alonxados das áreas onde se planifican e se toman decisión, etc. De imporse tal división entre nós, levaríanos a constituír unha élite dirixente arredada das masas e moi propensa, polo demais, a aceptar as tentacións do poder. Noutras verbas, levaría ao Partido á dexeneración revisionista. Neste senso, os camaradas intelectuais teñen que facilitarlles as cousas aos obreiros, aportándolles os seus coñecementos teóricos, ao tempo que, pola súa banda, estes aprenden tamén das experiencias de loita dos obreiros, se enchoupan do seu instinto de clase e adoptan os seus hábitos disciplinados de traballo, percurando non caer na doada tentación da tutelaxe.

3) Algo semellante cómpre salientar verbo das mulleres, ás que a actividade revolucionaria ofrece a posibilidade real de se igualaren en todos os planos co home. Tanto no Partido coma noutras organizacións as mulleres veñen dando mostras abondo de superación de todo tipo de atrancos, loitando por un trato de igualdade. No Partido as camaradas están en disposición de tomar nas súas mans todas as responsabilidades que desexen ou que a súa capacidade lles permita tomar. A loita contra a burguesía irmándanos a todos, mais non cómpre esquecer que vivimos nunha sociedade onde a muller é especial obxecto de opresión e discriminación e na que a ideoloxía, os hábitos e prexuízos burgueses están moi espallados e enraízados, o que inevitablemente se reflicte no Partido; xa que logo debemos combatilos en todas as formas nas que estes se manifesten nas nosas filas.

Practicar a crítica e a autocrítica

1) A loita de clases, que ten lugar na sociedade entre a burguesía e o proletariado, maniféstase tamén no seo do Partido entre as posicións consecuentemente revolucionarias do proletariado e o reformismo pequenoburgués, entre as ideas correctas e as erróneas, entre o vello e o novo, etc. Estas contradiccións no seo do Partido solvéntanse co método da crítica e a autocrítica, isto é, mediante a loita ideolóxica. Se no Partido non houbera contradiccións nin loitas ideolóxicas para solventar, a vida do Partido tocaría ao seu fin (3).

A loita ideolóxica axúdanos a manter vivo o combate polos obxectivos do proletariado, promove a democracia e a participación activa de todos os militantes e fai máis estreita a unidade nas nosas filas, ao tempo que nos permite combater o desleixo, o liberalismo e a tendencia a non reparar nos erros.

A loita ideolóxica depura o Partido de ideas erróneas e de elementos alleos a súa ideoloxía. A unidade sobre a base da compracencia cos elementos danosos é unha falsa unidade que rilla os cimentos do Partido e os expón ao reformismo e á descomposición. A loita ideolóxica parte da unidade par elevala un chanzo cualitativamente superior e afortalar o Partido.

2) Os elementos oportunistas de dereita e esquerda son remisos a que teña lugar a loita ideolóxica dentro do Partido e tratan de suprimila con mil adaxos. Eles poñen a énfase na centralización e a disciplina, mais non nomean a democracia e a liberdade. Ás veces refírense á loita ideolóxica, pero esquecen a unidade que a debe presidir. Por mor disto coartan ou impiden a discusión e rexeitan, como contraria ao espírito do Partido, a crítica e a autocrítica. De todo isto resulta un empobrecemento ideolóxico e político do Partido e un estancamento en todos os eidos da súa actividade. De imporse durante moito tempo esta concepción estreita (limitada, unilateral) e o seu método burocrático, é claro que o Partido e a causa revolucionaria serían gravemente perxudicados, se desarmaría perante os seus inimigos, se sementaría a confusión e se fomentaría o fraccionalismo.

3) Para que nada disto chegue a ocontecer, temos que admitir e alentar o desenvolvemento da loita ideolóxica e adoptar un método axeitado para solventar correctamente as contradiccións que xurdan dentro do Partido. Este método é o da crítica e a autocrítica e se resume na fórmula: unidade-loita-unidade. Isto é, partir da unidade e practicar a autocrítica para acadar logo unha nova unidade. Este procedemento tírase do feito de que as contradiccións dentro do Partido non teñen carácter antagónico e polo tanto hai que presentalas e solventalas coma contradiccións no seo do pobo, non coma contradiccións entre nós o inimigo. Ao proceder deste xeito cos que cometeran un erro tentamos convencelos e que se corrixan para unirse ao Partido. Así tratamos a doenza para salvar ao doente. Deste xeito o Partido se fortalece e se depura de elementos alleos como, en xeral, de todos aqueles que non acatan a disciplina, se relaxan, practican o liberalismo ou se deixan engaiolar polo falso humanismo e o filisteísmo da burguesía.

Mellorar os métodos e o estilo de traballo

1) Os militantes do Partido teñen que adoptar un bo método e estilo de traballo. O marxismo considera que o máis importante non consiste en comprender as leis do mundo obxectivo para interpretalo, senón en aplicar o coñecemento desas leis para poder transformar activamente o mundo. Subliña, pois, a primacía da práctica sobre a teoría. Isto quere dicir que no intre de abordar un problema debemos partir sempre dos feitos obxectivos e non das ideas preconcebidas ou de definicións abstractas. Este será o noso método: partir da realidade, facer a análise concreta das condicións concretas para formular as nosas teorías, orientacións, planos, consignas, etc. Logo de realizada esta parte do traballo, hai que levar a teoría á práctica para tirar dela novos coñecementos e experiencias. Nisto consiste o noso método de traballo: en vincular a teoría coa práctica revolucionaria. Non quedarnos en repetir como loros as ideas tiradas dos libros ou aprendidas de memoria, nin quedarnos nunca atrancados na aplicación das ideas e planos formulados anteriormente. É preciso seguir avanzando no proceso de coñecemento e na transformación da realidade.

2) Xa no último, temos o estilo de traballo. ¿Que se entende por estilo de traballo? Desde logo non se trata de facer a pose a cada pouco, de fachandear ou de gabarse polos méritos reais ou inventados. Precisamente trátase de comportarse de xeito completamente distinto: de ser modestos e cautos, de percurar ser a un tempo alumnos e mestres, de pór sempre os intereses das masas por riba de calquera interés persoal ou de grupo; de estar sempre dispostos a realizar os maiores sacrificios a prol da revolución. O estilo de vida sinxelo e a entrega desinteresada á causa tírase da nosa concepción sobre a vida, do fondo convencemento de que son os pobos, as masas populares, os verdadeiros protagonistas da historia; eles, os traballadores son os auténticos heroes, mentres que nós, somos, ás veces insignificantes e ridículos.

En conclusión, sería baldio ese espíritu revolucionario que ten que animarnos a todos, se non se traducise en actuacións prácticas eficaces que nos permitan solventar os problemas, ou se non buscamos as formas e os medios para iso. Isto nos levaría á impotencia ou ao terreo do esbardallo. Por mor disto temos que esforzarnos no estudio, en mellorar decote o noso traballo, en facer progresos de seguido, en ceibarnos dos prexuízos e de todo o que supoña facerlle culto ao atraso.

(1) Mao Zedong: Sobre as negociacións de Cungching.
(2) Lenin: A enfermidade infantil do ‘esquerdismo’ no comunismo.
(3) Mao Zedong: Sobre a contradicción.