Á clase obreira, a todo o pobo galego:

O día 9 de Novembro, a policía francesa detivo en París a Manuel Pérez Martínez (Arenas), Secretario Xeral do PCE (r), Isabel LLaquet Baldellou, membro da Comisión Política e a outros destacados dirixentes do Partido. Nesta operación policial, tamén foron detidos dirixentes dos GRAPO.

Dende o primeiro momento, tódolos medios de comunicación, seguindo as ordes do Ministerio do Interior, meteron no mesmo saco unhas e outras detencións, presentando ao PCE (r) e aos GRAPO como unha mesma cousa, e ao noso Secretario Xeral como máximo dirixente desta organización armada.

¡Non é certo! Esta é unha infame operación de intoxicación informativa, que ten por obxectivo xustificar a represión contra a vangarda política do proletariado e preparar o terreo para o encarceramento destes dirixentes comunistas en Francia e para a súa posterior extradición ao Estado español.

Este golpe policial temos que inscribilo no actual marco do Estado de excepción permanente. O goberno fascista do PP emprendeu decididamente o camiño da represión a gran escala, da guerra sucia contra as organizacións obreiras e nacionalistas democráticas e revolucionarias, do exterminio dos presos políticos. O obxectivo fundamental que persegue esta nova ofensiva terrorista do réxime non é outro que o de impedir de tódolos xeitos que as organizacións de vangarda da resistencia popular poidan proseguir o seu labor de denuncia do réxime e acaden un maior fortalecemento político, militar e orgánico.

O PCE (r) estórballe ao réxime e, por iso, trata de eliminar como sexa aos seus militantes: dende tacharnos de "terroristas" ata o exterminio físico. Contra o noso Partido inventan tódalas mentiras imaxinables, utilizan a tortura e o crime, deteñen a miles de persoas. ¿Por qué? Porque o PCE (r) xamais se prestou, nin vai prestarse, a cambalacheos políticos. Porque preconizamos unha liña de boicot e resistencia contra o fascismo coroado. Porque tratamos de organizar á clase obreira e ao pobo para a loita polas verdadeiras liberdades e polo socialismo.

Coa detención do noso Secretario Xeral e dos outros membros da Dirección, o Partido recibiu un duro golpe. Pero non é o primeiro que ten encaixado e superado. Os cadros detidos serán substituidos. Por moita policía, moita tortura e moito crime que cometa o Estado, a loita e a victoria son posibles. A reacción non dá facilidades en ningunha parte do mundo e, nembargantes, a revolución avanza. A mesma continuidade da nosa actividade revolucionaria, malia as decenas de "desarticulacións", é unha proba diso. E hoxe, na situación de crise xeral do réxime, sabemos que si nos mantemos firmes na nosa liña política e seguimos estendendo e estreitando a nosa ligazón coas masas, o desenvolvemento do Partido está garantido e, con el, o seu labor de dirección do conxunto do Movemento de Resistencia ata o logro dos seus obxectivos socialistas.

Compañeiros: Os fascistas queren aniquilar ao Partido e, a tal fin, botan man de tódolos medios. ¡Non podemos consentilo! Temos que mobilizarnos. Temos que apoiar con tódalas nosas forzas aos camaradas do Partido detidos en Francia. Temos que facer asembleas nos nosos centros do traballo e de estudio. Temos que saír á rúa a facer pintadas, carteis e pancartas, e enviar telegramas á Embaixada e ao mesmo Goberno francés, esixindo a súa liberdade inmediata e denunciando esta nova arremetida represiva. Hoxe son eles os detidos, mañá podemos ser calquera de nós. Agora, máis que nunca, por tódolos medios, ¡hai que paralos!

¡LIBERDADE INMEDIATA PARA OS MEMBROS DO COMITÉ CENTRAL E OS DEMAIS DETIDOS!

¡ADIANTE A LOITA REVOLUCIONARIA!

Organización de Galicia do PCE (r)
12 Novembro 2000