Comunistas e antifascistas xulgados pola lei fascista de partidos

Yolanda Fernandez Logo se cumprirán tres anos da ofensiva Euro-represiva de xullo e novembro do 2002 que supuxo a detención e encarceramento, en Francia e España, de vinte comunistas, antifascistas e solidarios cos presos políticos. Militantes do PCE(r) maiormente, dos comités por un Socorro Rojo Internacional ou da AFAPP, estamos encausados no sumario 36/02-M xunto con cinco guerrilleiros dos GRAPO.

Doce de nós continuamos aínda no cárcere sen que a Audiencia Nacional, ese tribunal de excepción herdeiro do T.O.P. franquista, fixase data para o xuízo-farsa ó que nos someterán. Por iso, con outra medida excepcional, vannos prorrogar a prisión preventiva ata os catro anos.

Como xa dixemos no comunicado espallado no primeiro cabodano do noso apresamento, a sentencia contra nós estaba dictada de antemán. Detivéronnos aplicando a Lei fascista de partidos e estamos encarcerados somente pola nosa ideoloxía e o traballo político que desenvolviamos no movemento obreiro e popular, antirrepresivo e contra a guerra imperialista. Por iso o que se pretende condenar con nós é o dereito dos obreiros a organizarse no seu propio partido e a loitar polas verdadeiras liberdades democráticas e o socialismo.

As nosas detencións, coma as anteriores de novembro do 2000 contra a dirección do PCE(r), producíronse no medio dunha campaña mediática de intoxicación, presentándoas coma unha desarticulación dos GRAPO. Emporiso, de trinta detidos en diferentes operacións represivas entre 2000 e 2002, só sete pertencían a esta organización armada. Ademais, as súas detencións fixéronas cadrar coas nosas só coma unha escusa para xustificar a posterior ilegalización do PCE(r) e o seu eido. Despois desta propaganda de criminalización, volveu caer enriba de nós o máis mesto silenzo. Unha táctica que coñecemos de sobra porque acompañou ó longo de tres decenios o labor dos comunistas en España: o que non "sae" nos medios de desinformación non existe.

Javi Garcia Victoria Dous anos e medio tardou Garzón en instruír este sumario: milleiros de folios con probas e testemuñas falsas, fabricadas pola Garda Civil. Terxiversaron o contido dos nosos documentos e publicacións, creando vencellos orgánicos inexistentes con outras organizacións antifascistas, etc. A pesar disto, o sumario non ten contido probatorio: a sonada banda armada PCE(r)-GRAPO naceu por obra e gracia de Garzón. Ningún dos seus colegas da Audiencia Nacional se atrevera a crear semellante simbiose entre un partido político e unha organización armada. Por iso en trinta anos de sentencias contra o PCE(r) os seus militantes, como moito, foron condenados por asociación ilícita e propaganda ilegal.

En resumo, o noso sumario é unha maravallada que intenta encubrir que o obxectivo central desta montaxe policiaco-xudicial é a criminalización do PCE(r). Por iso, anque a súa ilegalización, en virtude da Lei de Partidos foi decretada en marzo de 2003, nola aplicaron a nós retroactivamente. O mesmo que fixo Franco cando, cautivo y desarmado el ejército rojo, aplicou a súa lei de responsabilidades políticas retroactivamente para encarcerar e fusilar a roxos e separatistas polas actividades políticas e sindicais que eran legais na etapa republicana.

O noso xuízo vaise celebrar cos social-GALosos de volta no goberno e enchendo as súas bocas de rexeneración democrática. Todos temos presente en que rematou o prometido no pasado. Por se acaso, a súa política de hoxe encárgase de lembrárnolo ó continuar cos plans da oligarquía tendentes a enfrontar a grave crise xerada polo seu propio sistema capitalista. O rearme para participar na guerra imperialista e o reforzamento das medidas de sobreexplotación e represión, entre outros. Foron precisamente eles, os zapatero, os coautores da Lei de partidos que vai sentarnos no banquiño, os que a aplican para enxuizar a ducias de militantes de organizacións políticas, xuvenís, sociais e culturais da esquerda abertzale, ou para decidir qué formación política podía ou non presentarse nas pasadas elecións autonómicas vascas.

Polo tanto, por moito que se gaben de bo talante, non poden agachar que van xulgarnos por comunistas, antifascistas e antiimperialistas. Tampouco non o logrou o tribunal colaboracionista francés que xulgou ós Sete de París: alí ficou patente que non se enxuizaba outra cousa máis có dereito a manter e espallar as ideas revolucionarias. A defensa política que fixeron os nosos camaradas e a campaña de apoio despregada, que incluíu a asistencia da solidariedade internacionalista na sala xudicial, constituíu toda unha victoria política.

Hai que repetir ese exemplo de esforzo colectivo para deixar sen veos as verdadeiras causas polas que tamén nós imos ser xulgados. Pedimos a vosa solidariedade máis activa e organizada. HAI QUE PARALOS! Hai que vencer o medo ao terror institucionalizado e defender o lexítimo dereito a organizarnos á marxe da súa legalidade burguesa e en defensa das auténticas liberdades democráticas. Como a experiencia histórica ten demostrado, a oligarquía só recúa gracias ao empuxe das loitas populares.

Traballemos xuntos por unhas mínimas conquistas democráticas:

→ Derrogación da Lei de Partidos e demais leis e tribunais especiais de represión.
→ Dereito á autodeterminación das nacións asoballadas polo Estado español.
→ Liberdades políticas e sindicais.
→ Amnistía Xeral para os presos políticos. Indulto para os presos por causas sociais.
→ Dereito de asilo e cidadanía para tódolos refuxiados e inmigrantes.
→ Saída de España da OTAN e demais organizacións militares imperialistas.

Presos comunistas e antifascistas
cárcere de Soto del Real, Madrid
Maio 2005